header image

Arquivo

Artigos por data

Febreiro 2012
L M M X V S D
« Xan    
 12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
272829  
Xaneiro 28th, 2011 educación 4 Comentarios

Consello Escolar de Galicia someteu hoxe a consideración o Proxecto de Lei de convivencia e participación escolarremitido pola Xunta de Galicia. Foron presentadas nada menos que 8 emendas á totalidade, o que constitúe a marca máis alta na historia da institución. As emendas á totalidade foron aprobadas por 22 votos a favor, 11 en contra e 2 abstencións.

Hai que notar que dos 11 votos favorables á postura da Xunta de Galicia, 6 corresponden a altos cargos da propia Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que son membros natos do CEG. Polo tanto, fica evidente que o Consello Escolar de Galicia rexeita rotundamente os plans da Consellería, unha vez máis. Debido ao rexeitamento global do texto, as 178 emendas parciais non foron sometidas a debate.

Vale lembrar que o ditame do Consello Escolar é preceptivo, mais non vinculante. Agora, o Proxecto de Lei seguirá a súa tramitación na Comisión de Educación do Parlamento, será sometida ao Consello Consultivo e voltará para a súa aprobación polo Pleno da cámara autonómica. Previsiblemente, o PPdeG intentará impoñer o seu texto, facendo algunhas concesións de detalle mediante a incorporación dalgunhas das emendas parciais presentadas no CEG e que con certeza serán reeditadas ao longo do debate parlamentar.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Outubro 14th, 2010 lingua 11 Comentarios

O pasado 24 de setembro, o Servizo de Cooperación da Deputación de Pontevedra remitiulles aos concellos da provincia un fax con motivo da prorrogación de obras incluídas no Plan de Cooperación en vigor. No escrito, alértase sobre tres requisitos fundamentais, o primeiro dos cales é que La solicitud tiene que venir redactada en castellano. Un requisito a todas luces ilegal e intimidatorio, pero que pode surtir efecto en moitas corporacións locais. ISTO SI É IMPOSICIÓN LINGÜÍSTICA!

Podedes comprobalo na imaxe. Clicando nela, teredes acceso ao documento íntegro.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Outubro 8th, 2010 Sen clasificar 4 Comentarios

Captura de pantalla da identidade virtual do presunto Feijoo

No mundo anglosaxón, hai xa anos que os principais líderes políticos conviven co fenómeno dos fakes nas redes sociais. E é que, canto máis a política se parece a unha arte pop, maior é a posibilidade de que xurdan covers máis ou menos fieis ao orixinal.

Na política galega, e de modo xeral na española, este fenómeno aínda non é moi popular, pero parece que entre nós tamén se quere abrir camiño. Así, segundo puidemos saber, nos últimos días apareceu no Twitter o que parece ser un fake de Alberto Núñez Feijoo, escondido baixo o nick monte_pio. Haberá que esperar para ver se se trata dunha versión amigable ou ácida, aínda que a primeira impresión parece ser a dunha caricatura do Presidente da Xunta, que motivos sobrados ten dado para iso.

Por agora, só ten 5 seguidores, entre eles o propio PP de Galicia. Ignoramos se no partido de Feijoo non se decataron de que é unha broma ou se, precisamente por iso, queren estar ao tanto. Por certo, a web que monte_pio indica como propia é a deste blog, polo que estaremos especialmente atentos á evolución do personaxe e da trama.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Setembro 27th, 2010 anuncios do blog 3 Comentarios

Sabido é que ao Partido Popular lle interesa que a folga xeral do 29 de setembro sexa un éxito: ninguén máis interesado en utilizar un eventual éxito da folga como ariete co que tumbar ao goberno Zapatero dunha vez.

Pensaban algúns que, neste deseño, Alberto Núñez Feijóo non ía a comprometerse, e que ía adoptar a sana postura que calquer liberal adopta cando se trata do dereito de folga: defender simultaneamente o dereito á folga e o dereito ao traballo, mediante unha proporcional previsión de servizos mínimos. Porén, as probas empíricas demostran que, para garantir o éxito da folga xeral, Feijóo aposta polo peche patronal.

O Decreto 151/2010, de 23 de setembro, polo que se establecen os servizos esenciais na folga de 29 de setembro, impón uns curiosos servizos mínimos ás Universidades. Curiosos, porque conlevan o seu peche obrigatorio. Ou sexa, a imposición do dereito de folga. O Decreto establece, como servizo mínimo nas Universidades galegas:

- Na reitoría, o secretario/a do Reitor e un funcionario do rexistro.

- Nos campus, un funcionario de rexistro, un auxiliar por quenda de traballo e o secretario do vicerreitor do campus.

Feijóo bateu o record: en organizacións con dousmil traballadores e miles de usuarios, os servizos mínimos son…cinco persoas!! Os servízos minimísimos son, sorprendentemente, moi distintos dos impostos  polo Decreto 87/2010 con motivo da folga de funcionarios do 8 de xuño, nos que sí se contemplaban servizos mínimos para as facultades e centros.

O dito: as Universidades galegas non poderán abrir o día 29 por Decreto de Feijóo, así que, caros leitores e leitoras, se sodes universitarios/as, non perdades o tempo esquivando piquetes para coller o bus…Feijóo xa decidiu por vós.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Setembro 22nd, 2010 educación, lingua 21 Comentarios

A política de ataque á lingua galega comandada por Feijoo & Rueda e executada por Vázquez & Lorenzo xa mostra os seus primeiros froitos. Por un lado, os pais e nais comezan a protestar por teren que comprar libros en español mentres os libros en galego das mesmas materias fican condenados aos poróns dos centros educativos. Pero non é diso do que pretendemos falar hoxe.

As consecuencias máis sutís son case sempre as máis perigosas, e temos un exemplo contundente que é boa mostra diso. Dádelle unha ollada a este PDF (facede clic neste enlace ou na imaxe para ter acceso ao documento completo) e despois continuamos.

O argumento da fábula está claro: o trilingüismo consiste en promover dúas linguas para que se fale unha. Onde se fala de galego, español e inglés, exclúese o galego e mantense o inglés: vede na segunda folla que as cancións en lingua inglesa non se traducen. Mentres tanto, faise unha versión en español dunha canción popular galega tan emblemática como «A saia de Carolina». Cal é a consecuencia? Evidente: facer que sexa o español a lingua de acceso aos elementos máis innegablemente autóctonos da identidade galega. Dese xeito, os nenos falantes de español non teñen a necesidade de aprender o galego como ferramenta de acceso á súa cultura e identidade colectiva; e os que falan galego, vense desprazados mesmo naqueles ámbitos de predominio até agora indiscutibles da lingua vernácula, propiciando un total estrañamento.

Por certo, postos a traducir, por que non facer unha versión inglesa «Caroline’s skirt»? Se dunha cuestión de acceso ao mercado se trata, certamente a lingua inglesa sería a mellor escolla. Outra pregunta: o que dirían os medios se os nenos galegos aprendesen «Mi carro me lo robaron» en galego?

Unha última consideración: Feijoo & co. non son directamente responsables da decisión dunha editorial, e non seremos nós quen distorzamos a realidade para presentalos como tales. Con todo, non hai como negar que este tipo de actitudes só son posibles no clima inquisitorial que eles crearon, polo que si deben ser considerados autores intelectuais de dislates como o presente.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Agosto 31st, 2010 transparencia 5 Comentarios

Carlos Vello, Presidente electo do Centro Galego de Bos Aires
Foto: España Exterior

O candidato apoiado por Feijoo, José Luis Seoane, obtivo o apoio de 1.032 votantes (o 43,2%), fronte aos 1.356 (56,8%) que respaldaron o candidato alternativo, Carlos Vello. Deste xeito, Carlos Vello asumirá a Presidencia do maior centro galego do mundo o próximo día 9 de setembro.

Os votos de Carlos Vello resultan da suma dos 739 (30,9%) votos recibidos pola Unión Galega mais os 617 (25,8%) da Agrupación Galicia, que foron de lonxe as máis apoiadas pola comunidade galega de Bos Aires. Da outra banda, a agrupación Celta achegou 370 (15,5%) votos, fronte aos 348 (14,6%) de A Terra e aos 314 (13,1%) de Breogán.

Sen dúbida, un duro golpe para Feijoo e para os seus plans de controlar o celeiro de votos da diáspora galega en Arxentina. Despois de forzar a aceptación dunha candidatura que non cumpría os requisitos e de permitir o uso da súa propia imaxe e do nome da Xunta de Galicia, a derrota tórnase especialmente dura para o Presidente galego.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Este próximo domingo, día 29 de agosto, celébranse as eleccións no Centro Galego de Bos Aires. Hai dúas candidaturas para a xunta directiva da institución: unha, constituída polas agrupacións «A Terra», «Breogán» e «Celta» e encabezada por José Luis Seoane; a outra, promovida polas agrupacións «Galicia» e «Unión Gallega» e encabezada por Carlos Alberto Vello.

Pois ben, o folleto propagandístico da primeira desas candidaturas di textualmente:

«Contamos en nuestro accionar con el respaldo moral y económico del Gobierno de la Xunta de Galicia».

Ademais, o folleto inclúe a foto do candidato José Luis Seoane posando xunto a Alberto Núñez Feijoo, en actitude institucional diante das bandeiras galega e española. Un novo exemplo de inxerencia e de manipulación da emigración galega, que hai que unir á constante terxiversación sobre a reforma electoral.

Védeo por vós mesmos, facendo clic na imaxe.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Agosto 2nd, 2010 cultura 1 Comentarios

No final do mes de xuño, este blog falou en primicia do fondo malestar do sector audiovisual galego pola demora da Xunta na libranza das subvencións á produción fílmica. Un mes despois, e perante a falta de diálogo do Goberno galego co sector, oito asociacións profesionais denuncian publicamente a actitude de estrangulamento financeiro practicado pola Xunta.

Un novo e severo correctivo contra a política cultural de Feijoo e Varela, capaces de conseguir o rexeitamento unánime dos creadores e das empresas culturais do pais. Lémbrese que, previamente, este goberno conseguiu indispoñerse co sector teatral, co da danza, co da música tradicional, co das empresas editoriais, co dos tradutores, co da fotografía… Por non falar da Real Academia Galega e do propio Consello da Cultura Galega, cuxas relacións institucionais coa Xunta están no seu mínimo histórico.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Tras a publicación por este blog das normas de protocolo que ían guiar o acto da entrega das medallas de Galiza, moito foi o ruxerruxe por conta do «traxe curto» recomendado para as damas por Feijóo.

O que ninguén agardaba era que, na ofrenda ao apóstolo Santiago, pola mañán do 25 de xullo, houbese a consigna de españolizar o acto mediante a masiva vestimenta das mulleres do goberno galego con MANTILLA E PEINETA.

Comparade vós mesmos e mesmas. Esta é a foto da Ofrenda ao Apóstolo realizada onte:


Fonte: diario El País

E estoutra é a foto da mesma celebración, correspondente ao 25 de xullo de 2009:

A involución na moda conselleiril é unha consigna de Feijoo? unha imposición da Casa Real? un desvarío estival? Xa que ultimamente está de moda entre os sectores reaccionarios a prohibición do burka, nós avogamos pola prohibición da mantilla e a peineta en actos oficiais organizados por institucións galegas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xullo 21st, 2010 cultura 9 Comentarios

Desde que Feijoo é Presidente da Xunta de Galicia, o 25 de xullo deixou de ser chamado polo seu nome oficial (Día Nacional de Galicia, denominación que data de 1979) e pasou a ser o «Día de Galicia» a secas. Este ano, preséntase unha novidade máis: ata mesmo nesa sinaladísima data, Feijoo pretende impoñer o bilingüismo. Iso si, un bilingüismo co español en primeiro lugar, como corresponde á xerarquía ideolóxica dos ocupantes do Goberno galego.

E é que o domingo, como é tradicional, se entregan as Medallas de Ouro de Galicia do ano 2010, que nesta ocasión serán entregadas ao Cabido Catedralicio de Santiago e a Víctor Manuel Vázquez Portomeñe. Pois ben, o Presidente da Xunta enviou (por correo electrónico e postal) aos convidados un texto perfectamente bilingüe: primero, en español de Valladolid (Se complace en invitarle); e despois, en galego de San Caetano (Comprácese en convidar a vostede). E para que ningún convidado se confunda de vestimenta neste tempo estival, adxúntase unha nota protocolaria -sintomaticamente denominada, exclusivamente en castelán, Tarjeton Protocolo- en ambas linguas, que reproducimos abaixo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xullo 21st, 2010 Sen clasificar 3 Comentarios

Acabamos de dar unha ollada en Alianzo (o principal nudo de blogs) e ficamos pampos! Este blog está no posto nº 139 de toda España, o cal é todo un logro para calquera blog, e máis se está escrito en galego. E ademais, somos o nº 1 dos blogs escritos en galego.

Non sabemos como iso é posible, pero alegrámonos igualmente e queremos compartir convosco a nosa ledicia :-) E agradecer a todas e a todos polo voso apoio, claro está!

E aínda que estamos de vacacións… volveremos ;-)

Chuzame! A Facebook A Twitter

Como consecuencia da denuncia presentada en maio de 2009 polo PSdG, Agustín Hernández – conselleiro de medio ambiente, transporte e infraestruturas- acodía onte a declarar ao TSXG sobre o presunto delito de falsedade documental por certificación dunha obra non realizada na súa anterior etapa na Dirección de Infraestruturas da Deputación de Pontevedra. Por esa certificación, a empresa Sercoysa – para a cal traballara o propio Hernández antes de incorporarse á Deputación – pudo cobrar 292.000 €.

A crónica da comparecencia xudiciaria pode consultarse no Xornal de Galicia de hoxe mesmo. Nela documéntase que o Conselleiro, pese a declararlle o contrario aos xornalistas, negouse a manifestarse diante do xuíz sobre certas cuestións, acolléndose ao dereito constitucional de non declarar contra un mesmo.

A presunción de inocencia debe ser desmontada xudicialmente, sen dúvida. Pero as responsabilidades políticas están aí. E son gravísimas. Como xa tivemos ocasión de manifestar en abril neste blog, o propio Feijóo deu por sentada a comisión da falsedade documental, desde o momento en que, para defendelo politicamente, lle fixo ao Conselleiro o fraco favor de inventarlle unha escusa absolutoria que non figura no vixente Código Penal: a falsedade está xustificada porque se trataba de non perder fondos comunitarios.

Hai uns días, o propio Feijóo insistiu en que lle daba apoio incondicional ao seu Conselleiro porque estaba convencido de que «non meteu a man na caixa». Saltándose o código ético do propio Partido Popular (algo que parece xa ser unha contradictio in terminis), Feijóo acaba agora de reescreber o código penal do funcionario público, facendo desaparecer os variados tipos penais que non teñen que ver coa apropiación indebida ou as malversacións de caudais públicos. Entre eles, a falsedade en documento público, tipo penal para cuxa integración non se precisa en absoluto «meter a man na caixa».

En realidade, Feijóo está pechando filas porque sabe que a responsabilidade penal de Agustín Hernández derivaría directamente na súa propia responsabilidade política, pois el foi quen nomeou ao Conselleiro.  E para evitar este escenario, Feijóo ponse macarra: somete ás institucións  xudiciais do Estado de Dereito á chantaxe de enfrontarse DIRECTAMENTE ao poder político directamente elexido polos cidadáns.

A mensaxe enviada por Feijóo o 1 de xullo á Sala do Penal do TSXG é clara: «Se condenades ao conselleiro por un quítame allá esas pajas, estaredes atacando ao Presidente da Xunta e ao PP. Alá vós«. Algo moi parecido ao que Camps fixo en Valencia para evitar a condena polos seus traxes dadivosos. Tampouco Camps meteu a man na caixa…

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xuño 28th, 2010 cultura, xacobeo none Comentarios

Despois da desastrosa xestión do ano 2009 e dos primeiros meses de 2010, que lle custou a Roberto Varela a aberta e unánime hostilidade do sector cultural, había a esperanza de que se aprendese dos erros e se reconducise a situación. A oportunidade do Xacobeo 2010 podería ser o bálsamo perfecto para iso, pero o certo é que a Consellería de Cultura e Turismo está dedicando todos os seus -escasos- esforzos ao turismo e ningún á cultura. O Xacobeo S.A. segue esa mesma liña de conduta, e a CRTVG volta a ser, como nos primeiros meses de goberno popular, un ariete contra os creadores culturais do país.

A última afronta ao sector é esta carta do Director Xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, na que informa que as subvencións do Plan de Apoio ao Audiovisual fican adiadas: en vez de seren resolvidas en maio e abonadas nestas datas, como estaba previsto, serán concedidas en outubro e pagadas a finais de ano. As consecuencias poden ser dramáticas para o sector: hai proxectos pendentes de finalización que poden perderse, co conseguinte prexuízo cultural pero tamén financieiro; e outros que non sairán da fase inicial debido ao retraso promovido pola CRTVG. Cumpre non esquecer que boa parte da produción audiovisual deste ano ten como tema o Camiño de Santiago, polo que conceder as axudas cando o Ano Santo estea rematado é simplemente absurdo, ademais de potencialmente letal para moitos proxectos.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O Partido Popular ofrece novas e inquietantes mostras da súa absoluta falta de respecto polo Estado de Dereito.

Día tras día, Feijóo segue regando sistematicamente o pataqueiral para facer da vida institucional unha lameira insoportábel. ainda que sexa utilizando o goberno da Xunta para facer revanchismo con práticas pura e simplemente inquisitoriais. Sen complexos.

Agora, son os auditores (que non inspectores) da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa da Consellaría de Rueda os que asumen, baixo as ordes directas deste, unha suposta investigación que vai alén das súas propias competencias ordinarias. É certo que o artigo 42 do Decreto 303/2009, que regula as  funcións desta Dirección, recoñece a posibilidade de o Conselleiro encargar auditorías extraordinarias sobre o funcionamento dos servizos. Mais iso non atribúe unha competencia policial omnímoda e ilimitada sobre calquer administrado, sexan beneficiarios de subvencións ou de  procedementos contractuais.

Primeiro, porque eses auditores non teñen competencias para tramitar o control de axudas e subvencións máis aló do informe previo sobre dos formularios anexados ás solicitudes; tampouco poden tramitar a xustificación das axudas nin os eventuais expedientes de reitegro a que pudesen dar lugar, sendo esa unha competencia dos órganos de fiscalización e control dependentes da Conselleira de Facenda (intervencións delegadas e xeral, etc.). Segundo, porque os auditores auditan servizos públicos e nesa medida só poden «tomarlle declaración» aos empregados públicos, nunca a terceiros, pois esa potestade debe ser atribuída expresamente, no seu caso, por unha norma con rango de Lei. Terceiro, porque esa investigación carece de procedemento e, por consecuencia, carece das máis mínimas garantías procedimentais de dereito á defensa. Cuarto, porque se, polo seu volume económico ou polas circunstancias do caso, houbese algún indicio de delito (fraude de subvencións, malversación de fondos públicos, etc.), o órgano administrativo debe – é unha obriga – suspender as actuacións en vía administrativa e deducir o tanto de culpa ao Ministerio Fiscal para a previa comprobación de se existe delito (prexudicialidade penal).

Nada disto está acontecendo. Como relata hoxe El País, os auditores andan por aí gravadora en man recollendo declaracións de supostos beneficiarios da suposta trama, vulnerando flagrantemente o artigo 24.2 da Constitución (ninguén pode ser obrigado a declarar na súa contra), incorrendo en desviación de poder, e saltándose un dos fundamentos do Estado de Dereito, que é a separación entre o poder executivo e o poder xudicial.  Arríscan estes auditores a súa responsabilidade penal só para obedecer unha orde probabelmente ilegal de Alfonso Rueda.

Sen dúbida, moito disto ten que ver coa directriz do PP estatal de de enchufar o ventilador para disimular as súas porcallentas corruptelas do diñeiro público (léase trama Gürthel, mais non só). E se o ventilador non ten nada que ventilar, é igual. Xa nos inventaremos algo para que o repita mil veces a Voz de Galicia.  Esa foi a táctica do PP cos mojitos da feira da Habana, ca suposta trama eólica do BNG, ou cos audis de Touriño, e o patético é que lle saíu ben.

O asunto da suposta trama de Unións Agrarias vai camiño de converterse nun auténtico escándalo a nivel estatal. O partido que en Madrid ameaza de prevaricación aos funcionarios e fiscais que investigan a trama Gürthel, envía agora aos auditores de calidade a construír a condena mediática de Unións Agrarias. Teremos que chamar a Amnistía Internacional?

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xuño 19th, 2010 cultura 3 Comentarios

Un grupo de fotógrafos galegos e españois, que desexan manter o anonimato por medo ás listas negras, publicou unha nota de prensa moi crítica coa decisión da Xunta de promover, a través de Turgalicia e do Xacobeo, o concurso «Galicia…como a ves?» sen contar coa opinión dos profesionais. A páxina web do concurso -co dominio en perfecto castelan- é www.galiciacomolaves.com

Esta é a nota de prensa dos fotógrafos profesionais.

COMUNICADO DE PRENSA

A Xunta de Galicia ao través da Consellería de Cultura, ten convocado un concurso para facerse de forma gratuita e masiva con imaxes de Galicia para unha campaña institucional denominada “Galicia…como a ves?”

www.galiciacomolaves.com/gal/index-1.html

Esta é unha práctica inaceptable dende unha institución publica, especialmente cando son miles os profesionais da fotografía que tratan de vivir do seu traballo e que pagan impostos por elo.

A Xunta pode convocar tódolos concursos de aficionados que queira que promovan a realización de fotografías ou do que sexa, pero o que non é aceptable é que o resultado dese concurso se transfira a un uso profesional.

Se aplicamos esta lóxica, deberían convocar un concurso entre os aficionados ao marketing, ao deseño… e por que non, de aficionados á política é á xestión pública, para resolver de forma aficionada e prácticamente gratis case todo.

Evidentemente estas prácticas non son de recibo e so sirven para propiciar a piratería e o intrusismo profesional, cando o serio e legal é que se convoque un concurso profesional con asignación orzamentaria razonada entre os profesionais que constituen e sosteñen co seu traballo e impostos o tecido industrial.

Asinado por fotógrafos galegos e espanois que desexan non publicar os seus nomes por medo a represalia posterior.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Sorprendente.

No Consello da Xunta de onte, Feijóo levou un Anteproxecto de Lei para modificar a Lei 9/2009, de Orzamentos para o ano 2010.

Frente a outras Comunidades, que xa aprobaron a finais de maio ou a comezos de mes de xuño as súas respectivas normas, a fórmula buscada para aplicar a Galiza os recortes salariais establecidos para os funcionarios públicos no Real Decreto-Lei 8/2010, de 20 de maio, supostamente para reducir o déficit público, vai ir ao Parlamento galego, para que ninguén poida impugnar o recorte da súa nómina.

O trámite parlamentar – lectura única – pese a ser inusitadamente rápido, non impedirá tardar polo menos unha  ou dúas semanas máis en ter no DOG a modificación legal.

En calquera das Administracións públicas galegas, a nómina de xuño será pechada a semana que ven. Pese a iso, a nota de prensa do Presidente di o seguinte: «Logo da aprobación deste anteproxecto polo Consello da Xunta, o texto remitirase ao Parlamento para que sexa debatido polo procedemento de lectura única, co fin de que poida ser aprobado este mes para de que o axuste salarial establecido polo Goberno central se aplique xa nas nóminas de xuño«.

Parece claro que Feijóo pretende aplicar o recorte retroactivamente á nómina de xuño dos empregados públicos galegos. Mais son moitas as dúbidas sobre como facelo.

Seica con este recorte, a Xunta ten previsto aforrar a pírrica cifra de 60 millóns de euros. Mais alguén pode entender que, no mesmo Consello no que se trasquila aos empregados públicos, Feijóo anuncie que se rebaixan impostos por segunda vez, en concreto, o de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados? Cal é o sentido de rebaixar gasto e, ao mesmo tempo, rebaixar ingresos públicos?

Populismo, populismo e irresponsabilidade

Non, non  e non, señor Feijóo: gobernar Galiza non consiste en gañar eleccións municipais ou xerais en Madrid.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A Consellaría de Cultura e Turismo, en efecto, asinou o 11 de febreiro de 2010 un convenio co Concello de Lalín para subvencionar con 43.000 € a XLII Feira do Cocido, cifra que se suma á (descoñecida) subvención concedida pola Deputación de Pontevedra.

Dase a circunstancia que a Feira do Cocido xa se celebrara uns días antes, o 7 de febreiro.

Sen dúbida, nos tempos que corren a Feira do Cocido debe escapar á austeridade, por ser un elemento fundamental da nosa Cultura Nacional.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Hoxe publícase no Diario oficial de Galiza a mellor mostra da verdadeira concepción que sobre os fondos públicos ten o señor Feijóo: INSTRUMENTOS DE CAMPAÑA AO SERVIZO DO PARTIDO POPULAR.

Vexamos, se non, os convenios de colaboración asinados pola Secretario Xeral de Emigración, Santiago Camba, por orde directa de Feijóo e o seu edecán Alfonso (Rueda), que fon quen acudiu a Venezuela entre o 23 e o 26 de abril nunha polémica viaxe:

  1. Convenio de colaboración asinado o 26 de marzo de 2010 entre a SXE e a Diocese de Tui-Vigo para facilitar aos emigrantes galegos e aos seus descendentes a busca das súas orixes, co fin de poder acceder á nacionalidade española mediante a expedición dos certificados acreditativos. IMPORTE: 4.550 €.
  2. Convenio de colaboración asinado o 16 de marzo de 2010 entre a SXE e a Arquidiocese de Santiago de Compostela Facilitar aos emigrantes galegos e aos seus descendentes a busca das súas orixes, co fin de poder acceder á nacionalidade española mediante a expedición dos certificados acreditativos: IMPORTE 18.720,00.
  3. Convenio de colaboración asinado o 16 de marzo de 2010  entre a SXE e a Diocese de Mondoñedo-Ferrol para facilitar aos emigrantes galegos e aos seus descendentes a busca das súas orixes, co fin de poder acceder á nacionalidade española mediante a expedición dos certificados acreditativos: IMPORTE: 2.730 €.
  4. Convenio de colaboración asinado o 16 de marzo de 2010 entre a SXE e a Diocese de Lugo para facilitar aos emigrantes galegos e aos seus descendentes a busca das súas orixes, co fin de poder acceder á nacionalidade española mediante a expedición dos certificados acreditativos. IMPORTE: 4.550 €.
  5. Convenio de colaboración asinado o 26 de marzo de 2010 entre a SXE e a Diocese de Ourense para facilitar aos emigrantes galegos e aos seus descendentes a busca das súas orixes, co fin de poder acceder á nacionalidade española mediante a expedición dos certificados acreditativos. IMPORTE 5.550 €.
  6. Convenio de colaboración asinado o 10 de marzo de 2010 entre a SXE e o Grupo de Comunicación de Galicia en el Mundo, S.L. para a difusión de información relativa ás distintas liñas e programas de actuación da Secretaría Xeral da Emigración para a Galicia exterior. IMPORTE: 80.000,00 €. Entre outros servizos, esta empresa con sede en Vigo edita o portal dixital Crónicas de la emigración. O seu administrador é Luis Vaamonde Polo.
  7. Convenio de colaboración asinado o 10 de marzo entre a SXE e España Exterior Publicaciones, S.L. para a difusión de información relativa ás distintas liñas e programas de actuación da Secretaría Xeral da Emigración para a Galicia exterior. IMPORTE: 80.000 €.Esta empresa é a editora do xornal dixital España exterior.
  8. Convenio de colaboración asinado o 26 de abril entre a SXE e a Hermandad Gallega de Venezuela para o mantemento dunha oficina de información e asesoramento en Caracas. IMPORTE: 20.000 €.
  9. Convenio asinado o 23 de abril de 2010 entre a SXE e a Fundación Española de Emigrantes Dependentes para o desenvolvemento do servizo de axuda a domicilio destinado ás persoas de orixe galega e aos seus descendentes residentes en Caracas. IMPORTE: 40.000,00 €.
  10. Convenio de colaboración asinado o 23 de abril entre a SXE e a Fundación Apoyo a la Ciudadanía Española en Venezuela para a prestación de asistencia sanitaria e farmacolóxica a persoas de orixe galega residentes en Venezuela. IMPORTE: 100.000,00 €.

Ou sexa:

a) Convenios coa Igrexa Católica para que esta funcione como axente electoral do Partido Popular na alta de novos votantes na emigración.

b) Convenios de propaganda con empresas privadas, que vulneran flagrantemente a Lei de Contratos do Sector Público.

c) Convenios coas asociacións mediadoras na captación de voto cautivo.

Todo, con diñeiro público dos galegos e galegas na época da suposta «austeridade».

Non merecen os nosos emigrantes merecen algo máis digno que todo isto?

Chuzame! A Facebook A Twitter

Publicamos nesta entrada a primeira parte do dossier titulado «Populismo neoliberal para tempos de crise. Un balance do primeiro ano do goberno Feijóo» que os nosos administradores Carlos Amoedo Souto e Filipe Diez elaboraron e que foi publicado orixinalmente no nº 155 da revista Tempos Novos correspondente ao mes de abril de 2010.

Nos próximos días publicaremos a segunda –e última– entrega, dedicada a analizar a acción de desgoberno do PPdeG á fronte da Xunta.

*  *  *

Fonte orixinal da ilustración

Transcurrido xa máis dun ano desde aquela noite do 1 de marzo na que o PSdeG e o BNG perderon a maioría absoluta da que desfrutaban desde o 2005, albíscanse xa as principais liñas do que estes catro anos de goberno neoconservador liderado por Alberto Núñez Feijóo van supor para o país.

E o que se esculca non pode cualificarse, en balanzo xeral, de positivo. O goberno do Partido Popular desaproveitou en boa medida a maioría absoluta da que desfruta, pois en vez de conducir como un estadista –coas luces largas, afrontando os problemas de fondo do país na actual conxuntura–, o Presidente Feijóo conduciu o país coas luces de cruce, entregándose á satisfación pragmática de obxectivos conxunturais, que non dan resposta a aqueles problemas, senón que obedecen á consolidación dos apoios políticos do partido no goberno.

I. O CONTEXTO

Os condicionantes políticos da acción de goberno de Núñez Feijóo eran claros xa en marzo de 2009:

1. Consolidar unha vitoria pírrica. A maioría absoluta do Partido Popular é mínima. Depende dun escano. Isto dá lugar a unha intensa competitividade política na que –como lle aconteceu ao bipartito– o triunfo electoral nas seguintes eleccións depende da mobilización plena da base electoral propia e da desmobilización máxima da base electoral allea; dado que os saldos de ambos procesos son cada vez máis axustados, a formación de goberno depende dun número relativamente cativo de votantes. Este marco de oportunidade electoral condiciona a acción de goberno na medida en que, por unha banda, unha acción excesivamente crispadora pode mobilizar masivamente o voto de esquerda que se desmobilizou o 1 de marzo de 2009; mentres que, por outra banda, unha acción de goberno centrada ou excesivamente pragmática pode dar lugar á perda de apoios na dereita.

2. Gobernar Galiza para gañar en Madrid. Feijóo ten a necesidade de compatibilizar a súa axenda de goberno coa axenda electoral dun Partido Popular que a nivel estatal está na oposición e que necesita perentoriamente levar a Mariano Rajoy en 2012 á Moncloa, obxectivo para o cal está a loitar coas mesmas tácticas de crispación que ven ensaiando –con importante éxito– desde 2004.

3. A crispación, método de campaña e de goberno. A campaña electoral foi unha aplicación máis do manual da crispación amplamente desenvolvido polo Partido Republicano estadounidense nos anos ’90 e polo propio Partido Popular español tras a derrota electoral de marzo de 2004. Porén, dado que a credibilidade social deste tipo de campañas tan competitivas, baseadas na destrución moral e persoal do inimigo, descansa na súa machacona continuidade, non é de estrañar que as vitorias electorais acadadas sobre tal base dean lugar a unha acción de goberno igualmente crispada e competitiva agora contra a oposición–, baseada na alimentación sistemática dos frames ou marcos de campaña que deron a maioría electoral.

4. A crise económica: de problema a oportunidade. A crise económica mundial desencadeada desde finais do 2007 comezou a golpear Galiza en 2008, mais o seu impacto na economía do país prodúcese especialmente a partir do primeiro ano da lexislatura 2009-2013. Nada fai presaxiar unha saída imediata nin doada da crise, senón todo o contrario. Precisamente por iso, o Partido Popular ten moi claro o enfoque político fronte á crise: facer da necesidade virtude, imputándolle a crise ao inimigo e aproveitándoa para acadar dous grandes obxectivos: en primeiro lugar, os obxectivos estruturais, netamente neocapitalistas e de clase; en segundo lugar, os obxectivos superestruturais: utilizar a crise como ariete de desaloxo do goberno Zapatero e como instrumento de denigración constante da coalición PSdeG-BNG.

5. Superar o modelo ideolóxico do Partido Popular de Manuel Fraga. Consciente de que o fraguismo rematou coa xubilación política de Fraga en 2005, a acción de goberno de Alberto Núñez Feijóo buscou plantexamentos netamente distintos. Os tempos do conservadorismo paternalista, autoritario e neorrexionalista de Fraga deron paso a un modelo distinto, máis urbano e relambido, neoespañol, neoliberal e sen complexos; un modelo que non dubida, por exemplo, en romper con consensos básicos do país como o da normalización da lingua galega para así introducir os marcos cognitivos propios da dereita a nivel estatal.

A clara inspiración ideolóxica do think tank neoconservador, a Fundación FAES, transládase a unha acción de goberno construída como escaparate da oferta electoral a vender en toda España polo Partido Popular de Mariano Rajoy. Porén, o máis interesante a este nivel ideolóxico é a aposta de Núñez Feijóo por unha sorte de populismo neoliberal, que se torna visible en terreos como o da lingua vehicular no ensino, o canon eólico ou a reforma da política urbanística e territorial. Populismo consistente en converter a acción de goberno na simples aplicación das decisións que “votan os cidadáns democraticamente”: “o que quer a xente”. Nova versión do laissez faire, laissez passer que lexitima a abstención da esfera política e administrativa frente ás dinámicas sociais, consideradas esencialmente válidas e positivas para a marcha do país: a mellor administración é a que non existe, a que non intervén e deixa que as forzas económicas, sociais e culturais dominantes guíen coa súa sabia man invisíbel o rumo da nosa sociedade.

Estes cinco grandes obxectivos políticos de fondo foron guiando a acción de goberno de Núñez Feijóo, outorgándolle unha indubidábel coherencia.

II. A CONSOLIDACIÓN DUN LIDERAZGO

Como puxo de manifesto o congreso provincial do PP de Ourense de xaneiro de 2010, a consolidación do liderazgo interno de Núñez Feijóo á fronte do PPdeG é parcial, moi focalizado en Pontevedra; moi lonxe der co liderazgo incontestado de Manuel Fraga.

Consciente desta debilidade, Feijóo apostou pola utilización do goberno para construir a consolidación do seu liderazgo interno e dos seus apoios nesa grande maquinaria que é o Partido Popular de Galicia.

A primeira consecuencia deste enfoque é o presidencialismo na configuración mediática e de fondo do seu goberno: ninguén pode facerlle sombra ao Presidente, polo que a mediocridade nos nomeamentos de segundo ou terceiro nivel é máis unha vantaxe que un inconveniente.

A segunda, a selección dos conselleiros e conselleiras. O goberno galego é escollido persoalmente por Feijóo entre persoas sen peso político no PPdG, se exceptuamos á man dereita de Feijóo e secretario xeral do PPdG, Alfonso Rueda, que asume o papel de nodo de comunicación de demandas entre partido e goberno. Por debaixo do tandem Feijóo-Rueda, corazón das decisións do goberno, sitúanse uns conselleiros que, por careceren de iniciativa política e de apoios propios no Partido, deben limtarse a obedecer ordes de xeito eficaz. Para o cal non é necesario que teñan experiencia política de alto nivel (non hai ningún alcalde, por exemplo), mais sí experiencia política e administrativa. Daí o perfil de conselleiros-funcionaros como Marta Fernández Currás (interventora xeral co bipartito), Samuel Juárez (director xeral con Fraga, secretario xeral no Ministerio de Agricultura de Aznar), Rosa Quintana (directora xeral con Fraga), Pilar Farjas (alto cargo con Ana Pastor en Madrid, e concelleira do PP na Coruña).

A destacar tamén o nomeamento de persoas novatas e descoñecidas –e descoñecedoras– de ramos que pasan a dirixir ramos moi delicados, como Jesús Vázquez en Educación ou Roberto Varela en Cultura; a sensu contrario, destaca tamén o nomeamento de persoas excesivamente interesadas no seu ramo, como Javier Guerra, conselleiro de economía e industria, militante do PP de Pontevedra e empresario do ramo do téxtil, ou Agustín Hernández, conselleiro de medio ambiente, territorio e infraestruturas, cun expediente aberto pola propia Dirección Xeral de Función Pública por vulneración da lei de incompatibilidades, cando como Director Xeral de Obras Públicas propuxo a adxudicación de obras a unha empresa que o contratou tras o seu cesamento en agosto de 2005, sen agardar ao transcurso de dous anos marcado pola lei 9/1996.

O pasado inquedante dos altos cargos paira como unha espada de damocles en casos como o de Lete Lasa, afectado pola trama Gürthel ao seu paso pola Dirección Xeral de Deportes de Esperanza Aguirre, e por un demoledor informe do Consello de Contas sobre a súa xestión nos anos 2002-2005 que ainda dará moito que falar; ou o da Directora Xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz Méndez, condenada por despedimento laboral improcedente dunha empregada.

III. UN ESTILO: PRAGMATISMO SEN COMPLEXOS.

A mellor definición do estilo de Feijóo é o pragmatismo sen complexos. Feijóo constrúe a súa axenda día a día, fiándose do seu propio olfato, como se dun cool hunter se tratase. Marca a axenda política con mestría: coloca os temas que quer, e cando quer, situándose así no centro do debate político. Aproveita ao máximo os Consellos da Xunta para vender o que fai ainda que non estexa feito, como demostra o abuso continuo da técnica dos Informes elevados a Consello.

Consciente de que esa ocupación do centro permítelle pivotar, e dividir así selectivamente á oposición, escolle a súa compañía de viaxe requerida en cada caso en función dos seus obxectivos político-mediáticos. Un día pacta co BNG a lei de caixas a cambio de acurralar a Julio Fernández Gayoso ad maiorem gloriam da oligarquía financieira coruñesa; outro día pacta co PSdG o apoio á lei de desprotección do medio rural de Galicia. Mesmo é capaz de embarcarse de gorrón institucional coa súa compañeira no séquito do arcebispo de Santiago para brindarnos unha brillante escena, digna do mellor Berlanga, que superou con creces aquela súa imaxe empuñando a mangueira de regar xeranios coa que escenificou o seu decisivo contributo á extinción da vaga de lumes provocada polos nacionalistas en agosto de 2006.

Necesarias apoiaturas deste estilo son, en primeiro lugar, a intensa utilización dos medios de comunicación pro domo sua. Para desenvolver a propaganda da acción de goberno e ocultar os datos reais que aquela omite, Feijóo non aforra diñeiro público, que corre xenerosamente á conta de resultados das empresas xornalísticas: eis a lista dos continuos e nutridos convenios e pagamentos aos medios de comunicación, moi especialmente, á cabeceira editada por Santiago Rey Fernández-Latorre, cuxa cifra de negocio coa actual Xunta de Galicia probablemente romperá ao final da lexislatura todos os récords batidos no seu día por Fraga.

En segundo lugar, o escaso respecto pola legalidade na acción de goberno. O que importa é a eficacia. Un home pragmático sen complexos debe estar disposto a todo, especialmente a vulnerar a Lei facendo que pareza un accidente: todo legal. A eliminación do concurso eólico do bipartito –un procedemento absolutamente legal– para volvelo a repartir mediante unha lei inicua; ou a convalidación das licenzas ilegais en Barreiros; ou a anulación dos procesos –perfectamente legais– de consolidación do emprego no Consorcio de Igualdade e Benestar; ou os continuos incumprimentos da Lei de Transparencia e Boas Práticas da Administración Galega e a Lei estatal de Contratos do Sector Público, constitúen mostras ben claras da prostitución da lei en aras de obxectivos políticos. Algo que só pode facer impunemente a dereita, pois só ela parece contar coas complicidades necesarias no Poder Xudicial, como está a pór escandalosamente de manifesto a instrución xudicial do caso Gürthel.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O blog nacionalista +Galiza Diáspora fai unha denuncia ben documentada sobre o uso partidista da Xunta por parte do PP para manipular os emigrantes galegos respecto da reforma do voto exterior.

Nun e-mail asinado por Ildefonso de la Campa Montenegro, actual Xefe de Gabinete da Secretaría Xeral para a Emigración da Xunta de Galicia, danse instrucións aos axentes do PP no exterior para defender a posición do partido e instrumentalizar os grupos de emigrantes opostos á reforma, avalada conxuntamente polo PP e o PSOE no Congreso español. O propio Ildefonso de la Campa recoñece que segeu ordes do seu superior, o Secretario Xeral de Emigración, Santiago Camba Bouzas.

O e-mail complétase co envío dun manifesto (1ª páxina2ª páxina) no cal uns supostos «Autoconvocados en defensa de los derechos de los españoles en el exterior» cargan contra o Goberno español, contra o PSOE e contra José Blanco ao tempo que piden a protección dos seus dereitos ao Partido Popular, cuxa traxectoria é indisimuladamente eloxiada.

Ou sexa: o PP utiliza os medios da Xunta para a política de partido e, ademais, trata os emigrantes cunha total falta de respecto, cometendo o pecado (consideralos mercadoría eletoral) que critica nos demais. Tal exercicio de cinismo ben merece unhas explicacións en sede parlamentar e que roden as cabezas dos responsables.

Se non é así, voltaremos sobre o asunto revelando a mestura de negocios e cargos políticos que fan algúns dos implicados no escándalo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

« Previous entries 


Olark Livehelp