Seguimento aos incumprimentos e mentiras de Alberto Núñez Feijoo ao electorado galego
Como xestor público, o único idioma administrativo que Feijóo domina é o da privatización, no que é un auténtico especialista. Desde 1991, como secretario xeral da Consellaría de Sanidade con Romay Beccaria, impulsou as fundacións sanitarias, modelo que exportou a Madrid cando Romay o nomea presidente do INSALUD en 1996. Depois, como director de Correos e Telégrafos entre o ano 2000 e 2003, foi o encargado de abrir o monopolio á libre concorrencia.
Recomendámosvos ler a excelente reportaxe publicada en Xornal de Galicia sobre as turbias manobras dos sicarios de Feijoo (Pilar "Nobleza Baturra" Farjas e Alfonso Wheel) para privatizar a xestión do buque insignia da sanidade na diáspora: o Centro Gallego de Bos Aires.
Confírmase máis unha vez cal é o modelo de xestión sanitaria de Feijóo: a privatización empresarial (se pode ser a empresas de fóra de Galicia, como 3A Recoletas, mellor).
Trátase do laboratorio no que se quer pór a proba o novo instrumental para lograr que sexa o capital privado o que financie a construción, xestión e, por suposto, explotación ECONÓMICA dos servizos públicos tradicionais (sanidade, educación): as public-private partnerships (PPP) inventadas no seu día por Margaret Tatcher e incorporadas por Esperanza Aguirre ao seu programa neocon de goberno. Unha intención que no ámbito da crise que nos asulaga encontra a coartada perfecta para ser aceptada socialmente ("como no tenemos financiación para inversiones en servicios esenciales, hay que acudir al capital privado").
Un pacto fáustico terríbel: pois a cambio de financiación a curto, a Administración entrégalle ás empresas privadas a xestión e explotación a longo prazo (40 anos) de servizos públicos, para que recupere o investimento e faga beneficio explotando con ánimo de lucro eses servizos.
Total: que contra a crise, a solución de Feijóo é...máis neoliberalismo. Máis aposta polo Capital (apátrida, por suposto).
Sabedes o que isto conleva para o pobre cidadán de Galiza, non?
Sen comentarios