header image

Equivocáronse os que escolleron a papeleta do PPdeG confiando en que a dereita tería máis sentidiño á hora de gobernar. Erraron os que pensaron que a prioridade de Feijoo e os seus sería o combate á crise económica e ao desemprego. A realidade destes primeiros meses de goberno mostra que o auténtico proxecto do PPdeG non é gobernar o país, senón sometelo.

E ese 'proxecto', que substitúe o que debería ser un plano de goberno até agora inexistente, está sendo desenvolvido cunha velocidade frenética, que aumenta a sensación de desconcerto e a transmisión de análises certeiras. Vexamos, como exemplo, a actividade da Xunta nas últimas 72 horas. Unha observación, antes de pasar aos datos: ningunha destas informacións aparece nas notas de imprensa que a Xunta divulga diariamente e que alcanzan o apoxeo co libelo dos xoves posterior ás reunións do Consello da Xunta.

EDUCACIÓN

  • Feijoo, como é ben sabido, retirou a gratuidade dos libros de texto, aducindo falta de recursos. Ao comprobar a forte constestación social desta medida, o seu Conselleiro de Educación non ten o menor empacho en recoñecer que gastará 190.000 € para informar as familias do recorte do gasto (e, consecuentemente, do recorte dos seus dereitos). E nós, que non somos políticos profesionais e se cadra por iso non entendemos como funciona a cabeza desta xente, preguntámonos inxenuamente: e logo, as familias non preferirían que eses cartos se gastasen en darlles os libros gratis, en vez de dedicalos a informar de por que non seguirá sendo así?
  • Por certo, o bipartito, que segundo Feijoo é un modelo de despilfarro e a orixe de todos os actuais males dos galegos, non gastou nin un só euro en publicitar a gratuidade. E tampouco necesitou facer un blog, como o que acaba de lanzar a Xunta, para explicar como funciona o novo sistema. E é que as cousas simples e boas, todo o mundo as entende, mentres que as medidas enrevesadas e prexudiciais hai que adobalas para que non se perciba o mal cheiro. Por certo, para nós é evidente que se trata dun intento de contrarrestar a iniciativa cívica de pais e nais organizados na Plataforma pola Gratuidade dos Libros de Texto, que vén realizando en diversas vilas do país actos informativos cunha asistencia multitudinaria.
  • Liberdade de escolla na educación? Só cando convén. E se non, que o digan os pais de nenos e nenas de 0 a 3 anos, que se verán privados da apertura de galescolas (perdón, "galiñas azuis") que están listas para funcionar e ás que só fai falta dotar de mobiliario e, obviamente, de persoal. Claro que se o diñeiro gastado en cambiar o nome, o logotipo, a rotulación e os mandilóns das escolas infantís fora investido en equipar os novos centros, a situación sería ben diferente. Ademais, os pais e nais que desexen unha educación infantil en galego, que vaian se esquecendo de tal aspiración bárbara e preñada de intolerancia, xa que a Xunta renuncia a cumprir a súa obrigación de promover a lingua propia do país na rede de ensino infantil. A liberdade de escolla ten límites, que coinciden con total exactitude cos intereses do PP, e nin un milímetro a máis. Aos pais e nais de nenas(os) entre 0 e 3 anos, nin se lles permite escoller o idioma de escolarización dos seus fillos, nin se lles ofrecen alternativas suficientes ao ensino privado.

PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

  • Resulta curioso que a Xunta necesite facer unha campaña de información sobre o fin da gratuidade dos libros de texto tendo ao seu dispor a obediencia servil da maioría dos medios de comunicación galegos. Un feito xa endémico da nosa imprensa, cuxa independencia é a excepción e non a regra, agravado polas cuantiosas subvencións achegadas pola Xunta: despois das subvencións aos medios con carácter xeral, agora é a vez das axudas ás empresas editoriais que manteñen proxectos integramente en galego: dos 971.753 € totais, Editorial Compostela (editora de Galicia Hoxe, ben como de El Correo Gallego, e distribuidora de El Mundo) leva 436.966 € e Galicia Proxectos de Comunicación (Grupo El Progreso) outros 272.050 €, co que entre ambas suman o 73,0% do total. Podedes consultar a lista completa das axudas no DOG deste venres. Por certo, este gasto representa un incremento do 51,8% a respecto do exercicio de 2008. Unha vez máis, a austeridade non pasa dunha proclama vacía, como demonstra o trato financeiro privilexiado ás empresas de comunicación, auténtico pilar da política feijooana. E é así até mesmo cando se incumpren os criterios referentes á estabilidade no emprego, como ocorre por exemplo no Faro de Vigo.
  • Feijoo di, agora, que non aceptará a inclusión do termo "nación" nunha eventual reforma do Estatuto. Nada o que obxectar a unha posición política perfectamente lexítima e seguramente compartida pola maioría dos seus votantes, se non fose por un pequeno detalle: o propio Feijoo aceptou, no marco solemne do Debate sobre o Estado da Autonomía celebrado no ano 2006, que o preámbulo estatutario recollese a palabra "nación" se o Tribunal Constitucional non encontraba tachas nese aspecto. E iso, que pode vir a ocorrer, aínda non aconteceu, polo que Feijoo peca non só de cínico, senón tamén de torpe, por precipitado.
  • A Xustiza tampouco se librou dos tesourazos e sufrirá un despedimento masivo de traballadores, a pesar de que o conselleiro (in)competente na materia, Alfonso Rueda, se permitiu a boutade de anunciar -nun anuncio máis sen contido concreto, prazos nin orzamentos detallados- un suposto Plan para investir 97 millóns de euros en edificios para novos xulgados (páx. 36-37). Máis edificios, menos traballadores: cal a calidade do servizo de Xustiza que nos agarda? Respondan vostedes mesmos.

MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

SANIDADE

CULTURA

  • Diante da vaga imparable de agresións á cultura galega, até o mesmísimo Consello da Cultura Galega -organismo que non se caracteriza precisamente pola súa combatividade antigobernamental- tivo que saír á palestra denunciando as dificuldades orixinadas ao mundo cultural pola retirada de financiamento. E é que esta Xunta está facendo inimigos a unha velocidade vertixinosa, colocándose perigosamente nas mans dos grandes medios de comunicación como única plataforma de sustentación ante a sociedade.
  • Como xa adiantámos neste blog a comezos de agosto, Feijoo amaga con deixar a Cidade da Cultura inacabada. Aínda que a verdadeira razón do recorte non é a insuficiencia orzamentaria de fondos da Xunta, senón ofrecerlle satisfacción ao que viña pedindo Santiago Rey desde o seu medio persoal de chantaxe política, agora pretende imputarlle o recorte á "crise" e, moi especialmente, á devolución da financiación recibida a conta do Estado durante o ano 2008. Porque a culpa, para Feijoo, sempre é dos outros: ou do bipartito, ou do goberno psocialisto do Estado. Feijoo pretende instalarnos así nunha sorte de fatalismo orzamentario vitimista, no que a Xunta non manexa un peso nin establece prioridades de gasto económico, senón que é zarandeada polos ventos do destino. Un destino, curiosamente, que non é máis que o bipartito, que xa deixou de gobernar, e o goberno estatal, que goberna a financiación autonómica, por certo, dentro das competencias e conforme ao modelo deseñado por Aznar en 2002...

AFRONTAS Á INTELIXENCIA E Á ÉTICA (departamento sen carteira, de carácter transversal a todo o Goberno galego)

  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, nunha ocorrencia propia dun programa humorístico, declarou que a condena contra a Directora Xeral de Emprego por un caso de despedimento ilegal foi un erro da Xustiza debido a unha confusión de nomes, xa que a verdadeira inculpada debería ser a nai de Ana María Díaz, e non a propia. Todo, obviamente, non pasa dunha burda manobra para manter no posto de responsable da promoción do emprego unha persoa condenada por despedir ilegalmente unha empregada que traballaba para ela tamén ilegalmente.
  • O portavoz parlamentar do PPdeG e epítome da indignidade, Manuel Ruiz Rivas, declara que as galescolas foron promovidas por Fraga (que fixo 25 garderías en 16 anos, por 85 en só 3 anos e medio de bipartito) e que o BNG se esforzou por "exterminar o galego".
  • A Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica denuncia as trabas da Xunta para realizar exhumacións dos restos mortais de vítimas de asasinatos políticos ás mans dos franquistas.
  • Fraga autoproponse para dar nome á Cidade da Cultura. Feijoo acena positivamente a esa iniciativa e -nunha mostra de que a insanidade non é exclusiva de ningunha formación política- o alcalde de Santiago súmase á idea.
  • Feijoo utiliza a conferencia de imprensa posterior ao Consello da Xunta para falar como dirixente do PP, acusando o PSOE de orquestrar unha campaña contra o seu partido e proclamándose membro da oposición ao Goberno. Obviamente, a súa cabeza está en Madrid, porque se estivese aquí, debería decatarse de que el está no Goberno, e que a responsabilidade de quen exerce tal función é falar para toda a cidadanía (polo menos cando comparece despois dun Consello da Xunta) e non como monaguillo de Génova. Frase gloriosa de Feijoo nesa ocasión: "os feitos son os que son"; e dio alguén que se une ao coro iniciado por Dolores de Cospedal, que acusa o Goberno español de espiar o PP, mais que é incapaz de achegar un só indicio de tal feito.
  • A TVG colle uns capítulos enlatados dunha serie que se deixou de emitir en 2004 por baixa audiencia, cámbialle o nome ao programa (de "Rías Baixas" a "Gondar") e emíteos como unha nova serie.
  • Falando da CRTVG, o Consello de Contas desminte unha vez máis o PPdeG, que dicía ter herdado unha TVG en quebra debido á xestión do bipartito. O que o Consello aclara é que foi o bipartito quen recibiu a TVG na bancarrota e conseguiu mellorar a súa situación.

En resumo: privatización da sanidade, privatización e restrición de dereitos na educación, deterioro da Xustiza e agresións ao medio ambiente e ao urbanismo; xunto a iso, máis cartos para as empresas xornalísticas, denuncias infames contra traballadores, mentiras comprobadas a respecto da CRTVG, ataques ás decisións da Xustiza, declaracións bochornosas sobre as galescolas...

E isto é só un resumo de 72 horas na vida dun país gobernado por Feijoo... Faltan (só? aínda?) 44 meses de mandato.

Equipo Feijoomente co inestimable recurso á rede social galega chuza!

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

6 Respostas to “Frenesí neocon”

  • carlosamoedo 29agosto2009

    Feito o balance anterior, a situación do país non pode ser máis preocupante. O desgoberno é total: movémonos sen rumbo, nunha deriva electoralista tan errática que lembra poderosamente a do Prestige polo Atlántico.
    Nunha situación de profundísima crise económica, a axenda política de Feijóo consiste en seguir facendo campaña electoral contra o bipartito, para disimular o que está a pasar, e vai seguir pasando na nosa base material de subsistencia. Os recortes orzamentarios só teñen un fundamento ideolóxico-partidario. Puro rodopio mediático. Feijóo e o seu desgoberno seguen galdrumando na superficie dos problemas reais da nosa sociedade. Non se albisca nengunha política de país, quer no económico, quer no identitario.
    En cambio, vese claramente unha política antipaís no económico e no identitario. Unha política nada conservadora, senón claramente reaccionaria, sectaria e mesmo contrafáctica: porque pretender volver ao modelo de crecemento económico sustentado no ladrillo máis especulativo, nos anos xacobeos, no pelotazo enerxético e na demanda sustentada no endebedamento familiar vía crédito bancario é xa imposíbel, por moito que os media pretendan venderlle tal cousa a unha sociedade cuxa narcotización é absolutamente imprescindíbel para a supervivencia de toda esta camada de ladróns oportunistas que nos veñen explotando desde hai tantos anos.
    Feijóo non cre no país, nen lle importa buscar solucións reais e sustentábeis para a súa viabilidade como tal. Sabe, como bon membro da elite reaccionaria ourensana, que a miseria sempre foi en Galiza a grande ferramenta de control social.
    Feijóo só acredita na próxima vitoria electoral, e a ela lle dará todo o seu esforzo. Como sempre fixo a dereita, xestionará a miseria, o paro, a emigración de tal maneira que lle fará crer ás clases populares que a culpa é delas (por non entrar nas redes caciquís peperas) e dos demáis (o bipartito por viver instalado no despilfarro, o goberno estatal por non dar máis diñeiro, os ecoloxistas por non deixarnos instalar aeroxeradores en rede natura, os sindicatos por non aceptar a rebaixa de salarios e o despido libre, etc. etc.). Hai que recoñecerlles que, en aproveitarse da miseria das camadas populares, os do PP teñen moitísimos anos de experiencia: os resortes psicosociais dominantes están aí, nesa tradición.
    Compañeiros e compañeiras, é absolutamente imprescindíbel rearmar o tecido social alternativo a todo isto. A dereita galego-española está perfectamente unida no PP para lograr os seus obxectivos históricos como clase. A esquerda galega, desde o PSdG até a FPG e alén, debe desvelar os feitos e as realidades, clarificar os seus obxectivos históricos, marcar prioridades e unirse consecuentemente, tactica ou estratexicamente, para que este país teña futuro.

  • Maria Fernandez 29agosto2009

    A cédula de rehabilitación de calidade estaba condenada dende o día que nomearon o director do IGVS, como tamén estan condenadas as normas do habitat, e o rexistro de demandantes de vivenda protexida non desaparece porque é obrigatorio en base o plan estatal de vivenda, pero abrirase a man para facelo mais permisivo. Voltaremos o de antes cando para unha vivenda pedía axudas, o abo e o neto co informiño do amigo alcalde.

  • Pomponio 29agosto2009

    Para min, o máis procupante é a tranquilidade que se eprcibe nas rúas, na cidadanía. Se reitan as axudas aos libros, a gratuidade, e os pais non din nada. Non se abren centros escolares infantís, e os pais nin se preocupan. Non hai políticas para crear postos de traballo, e non pasa nada. O para incremeéntase, e non pasa nada. A política medioambiental non existe, e á cidadanía non lle preocupa. Hai un xiro casi definitivo á privatización dos servizos públicos, e non pasa nada.
    Pero o peor de todo é que non chegou o momento, senón que chegou o conformismo.

  • O Rato 30agosto2009

    Pomponio, eu non estaría tan seguro. Nas rúas pódese percibir certo malestar con algunhas medidas mais a desinformación é absoluta e da oposición, tanto do BNG como do PsdG, só chegan os titulares en forma das palabras con máis sal gordo, que normalmente todos sabemos que non é a mensaxe máis construtiva senón a máis espectacular. Unha proba é que esta semana, ante unha nova burla da Consellaría de Educación co despilfarro de 190.000€ nunha campaña innecesaria a nivel práctico pero fundamental para eles a nivel propagandístico, as roldas de prensa da oposición (Meijón e Aymerich) apenas recibiron unha columniña nos xornais, na Voz por exemplo. Hoxe vólvese visualizar o descaro do editor da Voz cun editorial bochornoso, unha porque el non sabe o que se di na rúa pola simple razón de que os círculos financeiros, empresariais e políticos nos que se move día a día non padece os problemas reais (problemas para el é o novo reparto eólico). En segundo lugar, nun intento de semellar independente parece que dirixe algunha crítica cara ao novo goberno mais fai máis sangue coa oposición e co goberno central que con Feijóo. Para disimular, inclúe tamén unha denuncia dos impagos do programa de dependencia porque é consciente da percepción que en certos sectores hai sobre o papelón que xogou nas eleccións. Unha xogada mestra para despistar. Que pdoe facer a oposición? O Psoe falou de editar folletos-denuncia. Pois ante a miseria mediática en que vivimos (ogallá os medios imitasen blogues como este mais vai ser que non) o BNG podería ir pensando en facer o mesmo. Agora si hai que poñer a andar un bus informativo, ben se poden editar trípticos informativos clariños, con textos asequíbeis para a xente, ben se poden facer tiraxes dos Benegá locais que busquen menos o autobombo da executiva e carguen máis contra o goberno, ben podería Galiza Nova cargar as pilas e denunciar os retrocesos nas políticas de mocidade, a supresión dos programas musicais de Xuventude, a eliminación dos Quérote, o que supón un goberno deste tipo para o ensino, etc. Non sei, se cadra son baralles mais Carlos Amoedo apunta algo importante, como é anecesidade de “desvelar” o que está a ocorrer e darlle un pouco á cabeciña para desenvolver estratexias máis imaxinativas cás coñecidas.

  • O Rato 30agosto2009

    Esta pode ser unha boa mostra de estratexias sociais, non teñen porque levar o carimbo do BNG aínda que estea detrás xentes nacionalistas, con respecto ao ataque do PP cara aos galegofalantes:

    http://www.blogoteca.com/acutareiradalaracha/index.php?cod=68323

    Con humor, informando ee levantando ampolas entre o PP local que sae á prensa a se defender dándolle ao mesmo tempo maior visibilidade á denuncia deste colectivo. Proer proeulles, porque non estender esta campaña a todo o país?

  • » “Frenesí Neocom”, Toda a verdade a día de hoxe… 30agosto2009

    [...] podo resistirme a poñer no blogue o último artigo que veño de ler do blogue “Desvelando as mentiras de Feijoo” porque sintetiza dunha forma tan [...]

Deixa unha resposta

XHTML: Podes usar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>