Seguimento aos incumprimentos e mentiras de Alberto Núñez Feijoo ao electorado galego
Ademáis de ter sido unha peza política clave na estratexia de propaganda contra o concurso eólico resolto polo anterior Goberno, o "Informe sobre o Decreto 242/2007, de 13 de decembro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica en Galicia" está destinado a pasar á historia da asesoría xurídica da Xunta de Galicia como testemuño das ominosas consecuencias que para unha correcta xestión do interese público conleva a cega politización do asesoramento xurídico-público.
Obviamente, non pretendemos aquí ensinarlle deontoloxía xurídica á Directora Xeral da Asesoría Xurídica nen aos seus profisionais subordinados.
Á primeira, porque sabemos que a formación de Abogada do Estado é moi propensa a sacrificarse na ara da ambición política (que llo pregunten a Mario Conde, ou a Soraya ou a Dolores de Cospedal). Estamos diante dun cargo político do Goberno de Feijóo, que non duvida en esquecer, como veremos, algunhas regras básicas do razoamento xurídico.
Aos segundos, porque comprendemos humanamente o medo a desobedecer as ordes da Directora, quedando ainda tres anos e oito meses de lexislatura. Porén, bastante expresivo da vergoña profisional que entraña o Informe é o feito de que ningún Letrado/a quixera asinalo: só aparece asinado polo cargo político, a Directora Xeral.
1. A sorprendente emisión do informe.
Tecnicamente, trátase dun informe facultativo - solicitado polo Conselleiro de Economía e Industria con data 21 de maio - sobre a conformidade a Dereito dun Decreto aprobado pola propia Xunta, o Decreto 242/2007, de 13 de decembro: un decreto en vigor, que se presume válido e surte efectos desde o día da súa publicación íntegra no DOG e que vincula en primeiro lugar á propia Xunta de Galicia.
Non se trata, pois, dun informe que resulte preceptivo no marco dalgun procedemento administrativo aberto - por exemplo, no marco dunha revisión de oficio, unha vez constatada a existencia de nulidades de pleno dereito -, senón dun informe que solicita un cargo político a outro cargo político dun novo goberno para "tumbar" unha medida en vigor do anterior goberno. A decisión de tumbalo estaba tomada, e só había que aliñala, sen importar que iso supuxese un arbitrario cambio de criterio xurídico.
Lonxe de tomar por válido e defender a legalidade do Dereito vixente, como é a súa obriga institucional e administrativa, a asesoría xurídica acepta o "embolado" de cuestionar por puros motivos políticos a validez e legalidade das súas propias normas en vigor, vulnerando aquel brocardo xurídico de que "ninguén pode ir contra os seus propios actos", ou aquel outro de que "nemo propriam turpidinem allegans auditur".
O ataque á seguridade xurídica é tanto máis grave canto que existen contenciosos abertos contra o Decreto nos que a Xunta tivo que defender a súa legalidade, estando xa no goberno Feijóo (contestación á demanda de 5 de xuño no contencioso presentado por Endesa). O aberrante cuestionamento desa legalidade por este Informe que imos analisar non é máis que a expresión evidente de que non se trata dun frío informe técnico-xurídico, senón un informe político vestido de lagarterana.
Por expresalo nos termos do artigo 9.3 da Constitución, poderíamos dicelo así: arbitrariedade dos poderes públicos 1, Seguridade Xurídica 0.
2. Os antecedentes, incompletos e calculadamente manipulados.
Causa abraio comprobar que, nos antecedentes - os aspectos fácticos e procedimentais que deben preceder a calquer razoamento xurídico minimamente sólido- non se conte toda a verdade e se fagan desaparecer cousas absolutamente fundamentais. Sí se di, por exemplo, que o borrador de Decreto que accedeu ao Consello da Xunta foi unha versión modificada para acomodar o seu texto aos reparos de legalidade do Consello Consultivo de Galicia no seu Ditame 727/2007, de 27 de outubro.
O que non se di é que a versión do borrador do Decreto que, insistimos, acedeu ao Consello de 13 de decembro de 2007 tamén incorporara as modificacións pertinentes para cumprir as observacións de legalidade sinaladas polo Informe da Asesoría Xurídica Xeral de 5 de xullo de 2007.
O texto final do Decreto, pois, satisfacía todas as observacións de legalidade, de maneira que o PSOE perdeu as pexas que alegar para "parar" a aprobación do Decreto. Sabémolo, entre outras cousas, porque un de nós estaba na Comisión de Secretarios, na que se libraban todas estas batallas. Compróbese senón no texto do Decreto publicado no DOG que foi aprobado, por proposta do Conselleiro de Innovación e Industria "conforme" ao Ditame do Consello Consultivo, e non "visto" o Consello Consultivo (fórmula que se emprega cando o Goberno non segue as observacións do Consultivo).
Sendo isto así, se comprende até que punto é unha desfachatez e unha irresponsabilidade administrativa escreber no papel do DOG de 14 de agosto de 2009 que "Sobre o borrador do devandito decreto a Asesoría Xurídica Xeral emitira informe con observacións de legalidade con data 5 de xullo de 2007. Así mesmo, o Consello Consultivo de Galicia emitira informe desfavorable (Expediente CCG 727/2007)". Isto pode ser literalmente certo, pero o que debería pór o DOG é que o texto aprobado e publicado do Decreto 242/2007 se axustou a eses informes. Claro que iso, que parece obrigado para calque xestor mínimamente serio, desmontaría a estratexia intoxicadora e manipuladora do PP para tumbar o concurso eólico.
3. As consideracións xurídicas:
A primeira é adicada a expor o marco estatal básico e comparado-autonómico da regulación da autorización de aproveitamentos eólicos, concluindo que nada ten de orixinal o Decreto 242/2007, pois tamén en Andalucía, Aragón, Castela a Mancha, Castela-León, Murcia e Euskadi existen fases de selección de proxectos en rexime de concorrencia competitiva.
Apesar desta evidencia, a consideración segunda é adicada a buscar unha pretendida incompatibilidade do anterior co marco básico da Lei do Sector Eléctrido de 1997 e, para o noso pasmo, co Dereito comunitario, que xustamente conduce á conclusión contraria. A retorsión interpretativa das normas comunitarias causa realmente preocupación: mestúranse churras con merinas sen o máis mínimo rigor e respeito polo peculiar lugar que ocupa o dereito comunitario derivado no noso Dereito Público da economía. A conclusión á que chega, literalmente, é que "A regulación do procedemento previsto no Decreto 242/2007 non se acomoda ao previsto na Directiva 2003/54/CE nin á norma estatal de trasposición, a LSE" (p. 10). Curioso miragre este: acabámonos de enterar que unha Lei de 1997 traspón unha Directiva de...2003! Abofé que os gobernos de Aznar se adiantaban ao seu tempo...
A consideración terceira examina a legalidade das melloras voluntarias como elementos de valoración dos anteproxectos (isto é, que o solicitante ofreza unha cuota do capital social do proxecto á Administración, en concreto, ao INEGA) como mecanismo de participación pública nas plusvalías xeradas pola xeración eólica. E volve a insistir en que foi informada desfavorablemente polo Consello Consultivo, cando o certo é que a redacción final do Decreto se axeitou a eses pareceres, precisamente facendo da participación un mérito voluntariamente aducible polos solicitantes, e non un requisito excluínte, cuxa valoración non pode superar o 30 % da puntuación total.
Como isto é perfectamente legal, o Informe cambia o enfoque e busca na Lei de Patrimonio da Xunta de 1985 unha suposta nulidade de pleno dereito na adquisición de participacións industriais públicas polo pírrico feito de non autorizarse por Acordo do Consello da Xunta (cando o Decreto é unha norma de rango superior, que aproba o propio Consello): tras esforzados onanismos sobre a relación lei-regulamento dignos de mellor causa, acádase a tan ansiada conclusión: hai unha nulidade de pleno dereito!(quod erat demonstrandum).
Conclusión patética, porque sendo premisa, nen acaba sendo verdadeiramente concluínte; porque, de selo, debería levar rectamente á apertura dunha revisión de oficio, co consecuente informe do Consello Consultivo: pero este camiño non se toma porque saben que o Consultivo lles sacaría os colores. De maneira que por un lado temos un Decreto que a Directora Xeral estima nulo de pleno dereito, e por outro temos que a Consellaría de Economía e Industria non abre o procedemento de revisión de oficio, como é o seu deber xurídico. Para que, se do que se trataba era de meter na opinión pública o titular de que un presunto informe de un presunto oráculo xurídico de un presunto goberno serio declara a evidente nulidade dunha norma aprobada por unha pandilla de mangantes para beneficiar aos seus amiguetes?
Por se o anterior fose pouco escandaloso, acódese ao artigo 38 da Constitución, a sacrosanta liberdade de empresa, para afirmar que esa participación pública vulnera unha liberdade pública, e supón establecer na prática "unha modalidade de xestión indirecta dun servizo público en forma de sociedade de economía mixta" (p. 16).
Impresionante conclusión neocon que deixaría apampados a Hayek e Friedman xuntos! Os adalides da privatización dos servizos sanitarios e educativos non teñen reparos en criticar a obtención pública de beneficios e plusvalías derivadas da explotación privada dun recurso natural, de todos. Só falta que digan que os plans xerais de urbanismo atentan contra a liberdade de empresa! Mais o sarcasmo chega ao seu paroxismo se pensamos que esta mesma tropa está a defender a creación dun tributo especial que grave a produción de enerxía eólica. Que dirán entón da liberdade de empresa??
A cuarta e quinta consideración seguen galdrumando incomprensiblemente na suposta inseguridade xurídica da participación pública e na súa suposta incompatibilidade coa Directiva 2003/54/CE por ter imposto obrigas de servizo público. Porén, nen a participación pública é configurada como unha obriga, nen o propio Decreto 242 afirma en ningún sitio que estexa configurando o aproveitamente eólico como un servizo público. Novamente, o Informe invéntase as premisas para así proclamar as conclusións que lle interesan, proceder que testemuña non só o nulo rigor xurídico co que se fixo o informe, senón que desacredita profisionalmente para o futuro a quen o asina.
A consideración sexta é o claro exemplo de que, como non hai por onde atacar o Decreto, deben gastarse páxinas e páxinas á busca de un chisco de petróleo, agora á conta da vulneración da lexislación básica na "acreditación", en vez de "autorización" ,do punto de interconexión da instalación á rede (art. 27). Fume e máis fumaza para tratar de vestir a un Rei que esta nú.
4. O Vietnam xa está aquí.
Querendo satisfacer uns intereses políticos determinados, o pitañoso Informe da Asesoría Xurídica ten como consecuencias principais as tres seguintes:
a) Debilitar a posición procesual da propia Xunta na defensa dos contenciosos interpostos contra o Decreto 242/2007.
b) Crear un escenario de enorme inseguridade xurídica no sector eólico, do que non se sabe cando se poderá saír. Que a inseguridade é intolerábel para o propio sector o pon de manifesto as contundentes alegacións (29 páxinas!) presentadas pola EGA-Asociación Eólica de Galicia contra o anteproxecto de Lei pola que se pretende regular o aproveitamento eólico en Galicia.
c) Paralisar o desenvolvemento dos proxectos iniciados co anterior Goberno para facer da explotación da enerxía eólica unha das saídas máis acaídas á crise que nos asulaga.
caralladas76 16setembro2009
Ben… entendo que, pra serdes todo o rigurosos que o asunto en cuestión merece, compartades con nós tódolos aspectos técnicos da desfeita que están a facer. Seguro que os máis entendidos en leis vo-lo agradecerán enormemente.
Máis, sentindoo moito, eu pérdome totalmente. Por iso agradecería un par de aclaracións:
- ten carácter definitivo a derogación? qué reclamacións legais quedan por facer? qué posibilidades hai de que lles saia o tiro pola culata?
- e 2, falades dun Vietnam que lles espera. canto tempo estimades que podería tardar (para ben ou para mal) a resolución de todo isto e, polo tanto, o retraso nos investimentos?
Moitas grazas, un saúdo.
carlosamoedo 16setembro2009
Grazas polas túas preguntas. Efectivamente, a nosa vontade de sermos rigurosos na análise quizá nos leva, seguramente, a facer un mazacote pouco doado de entender.
As preguntas que fas son moi pertinentes:
a) A derogación do Decreto 242/2007 non se produciu até o momento, nen parece que se vaia producir. Por tanto, o Decreto 242 segue en vigor. O que está parada é a tramitación das autorizacións de novos aproveitamentos.
A secuencia de feitos é a seguinte: o Informe da Asesoría Xurídica ten data de saída de 5 de agosto. O 6 de agosto, o Consello da Xunta toma razón dun “Informe” do Conselleiro de Economía e Industria sobre o borrador do anteproxecto de Lei regulador da enerxía eólica. O 7 de agosto, o Conselleiro asina unha Resolución pola que se suspende o procedemento para o outorgamento de autorizacións de instalacións de parques eólicos (ou sexa, deixa sen efecto a Orde de 26 de decembro que resolver o “concurso eólico”) mentres se tramita o borrador da Lei ou, no seu defecto, mentres non pasen 6 meses.
Quedan pendentes de resolver: a) Polo TSXG, os contenciosos presentados contra o Decreto 242/2007. b) Pola Xunta, os recursos de reposición presentados contra a Orde de 26 de decembro de 2008.
Con data 9 de setembro de 2009 a Asociación Eólica de Galicia, que agrupa ás principais empresas do sector e a boa parte dos beneficiarios da Orde de 26 de decembro, presentou un escrito de alegacións ao borrador do anteproxecto de Lei, que rexeita radicalmente.
Distintos beneficiarios da Orde de 26 de decembro de 2008 van impugnar directamente na xurisdición contencioso-administrativa a Resolución de 7 de agosto de 2009, pola que se paralizan os procedementos abertos. O prazo para a impugnación remata o 14 de outubro.
b) Os prazos de resolución dos contenciosos son sempre incertos, mais non deberían ir alén de 2009 no caso do TSXG e do 2010 nos outros casos, sempre en primeira instancia. Despois quedarán as posíbeis casacións perante o Tribunal Supremo (bótalle de tres a seis anos…).
A tramitación de semellante anteproxecto de Lei rematará probabelmente neste período de sesións, contra decembro, pois é seguro que lle dean prioridade na tramitación parlamentar. Pero a cousa ainda está moi verde: falta o informe da asesoría xurídica xeral e do Consello Económico Social antes de poder subir a Consello. Isto, sen contar o clima político tan crispado que vai provocar a tramitación do Proxecto de Lei de Orzamentos para 2010.
En calquer caso, e á vista da postura de EGA, a aprobación dunha Lei non vai facer senón aumentar a litixiosidade no asunto, e a incerteza xurídica da resolución dos enormes conflitos de intereses en presenza.
A Guerra de Vietnam durou desde 1958 a 1975.
De continuar por este camiño, o marco de parálise e inseguridade xurídica creado pola irresponsábel e revanchista atitude de Feijóo non vai durar menos de cinco anos.
Afortunadamente, en 3 anos e sete meses, como máximo, haberá de novo eleccións en Galiza, se é que Feijóo é capaz de xestionar este Desgoberno (cousa da que duvidamos).
Saúdos cordiais,
Pomponio 17setembro2009
Estimado Amoedo, creo que é un erro subestimar ao inimigo. Xa se fixo nos idus de marzo e o estás a facer agora. pensar que son incapaces de xestionar o “desgoverno” e enganarnos. Sonnincapaces de xestionar como nos gustaría, pero eles fan o que lles interesa e o que queren facer. Seguen a súa ruta.
Ademáis, segundo algún xornal dixital dun “agraciado” do PP as enquisas que se barallan son moi moi favorables ao Feijóo e moi malas, pésimas para nos ( e tamén para os do PSOE). Eu pensei que despois da parálise inicial habería un certo estancamento na caída do BNG e comezaría a repuntar, a pesar de todo. Máis penso que etamos diante dunha “longa noite de pedra” despois do mes de marzo.
Non subestimedes. Iso si, seguide con este traballo que é boísimo. Ogallá teña a repercusión que ten que ter e que, sobre todo a mocidade, teña acceso a él. O futuro depende deles, da súa conciencia de país. Os da nosa xeración xa son causa pardida
carlosamoedo 17setembro2009
Benquerido Pomponio:
Tes toda a razón na túa advertencia metodolóxica. Nunca subestimámos ao inimigo, nen ao PP nen moito menos a Feijóo, cuxa traxectoria é o suficientemente sólida para sabermos que non estamos diante dun paquete. Ao contrario. É un político solvente e con oficio, que ten detrás unha maquinaria política poderosa e ben engrasada (non coma outros…).
Ora ben: tampouco se trata de sobrestimalo, porque diso xa se encarga a nosa historia, LVG e o “sentido comun” galego, que tende a ver nos políticos da dereita a uns magos, e nos políticos da esquerda a uns paquetes.
A esta altura do ano, nós temos claro que Feijóo non vai repetir os 16 anos de Fraguismo. A democracia feijoniana (por citar ao inefábel Antón Losada) non ten nada que ver, nen nos seus contidos nen no seu contexto, co Fraguismo.
Os contidos son ben máis dereitosos e revanchistas que os que cabería esperar da imaxe “centrada” de Feijóo. Feijóo, guiado por Génova, tamén aposta pola crispación como arma de consolidación da súa pírrica maioría absoluta, agora desde o goberno.
Porén, o contexto é tremendamente delicado: o PP xa non domina abafantemente todos os resortes que dominaba na década dos noventa. Velaí, así, a contestación aberta do mundo da cultura ao tema do galego, impensábel naqueles anos. Por outro lado, Feijóo vai ter que xestionar unha crise económica que vai durar moito máis do que se pensa, e non lle vai durar sempre a culpabilización a Zapatero ou aos vagos e maleantes do anterior Goberno galego, porque entre outras cousas, Feijóo vai ter que facer aquí o que critica en Madrid (por exemplo, aumentar a débeda pública), e iso resta credibilidade. A sociedade civil non vai permanecer calada perante cousas como o recorte de gasto en educación ou sanidade.
Por outro lado, os “xestores” instalados en San Caetano destacan pola súa inoperancia e incapacidade. Son xestores pitañosos e políticos de terceira fila. Os funcionarios e funcionarias están abraiados de que non se mova nada a esta altura da película. A Xunta está en coma, e vai camiño de empiorar. Por exemplo, na Dirección Xeral de Industria están acojonados coa temeridade dos responsábeis políticos no tema eólico.
Así as cousas, o noso deber, entendemos, é mostrar a realidade coa maior fidelidade da que somos capaces, para evitar que, máis unha vez, se volva a construir neste país unha realidade de cartón-pedra, que foi o que a Dereita fixo con este país durante tantos anos. Nós achegamos un gran de area, mais eu vexo que cada vez máis, a xente reaxe organizadamente e non fica calada.
Temos que ir deixando atrás a “depresión colectiva” que nos asulagou despois dos idus de marzo.
E tampouco nos subestimemos: o país é máis variado e plural do que ás veces pensamos.
Pomponio 17setembro2009
Amoedo compañeiro,
Tampouco nos abraiemos moito do que digan os funcionarios. lembro no 2005 que comezaron a facer a petaca ao goberno entrante. Hai que recordar que a maior parte do funcionariado da Xunta entrou en época de Fraga ou, como moito nas primerias oposicións aos corpos de xestión do tripartito, alá polo 91-92. eu sei perfectamente que o PP ten unha liña de ruta, un roteiro, moi marcado e claro. Con analizar o feito en madrid e Valencia nos últimos oito anos podemos vislumbrar o que nos espera.
Eu son básicamente pesimista, que como din somos os optimistas informados. Pesimista porque o pau en marzo foi moi grande. Pesimista porque entramos nun período de catarse colectiva e de fuxida cara adiante que non é boa para o nacionalismo e moito menos cara a sociedade. Entendo que hai pouca xenerosidade.
Peor o que máis me preocupa é a capacidade que terá, que teremos, para facer que a xente elbisque os feitos reais tapados polos mass media galegos. As crises, básicamente, son estados de ánimo. O PP en marzo xerou un estado de ánimo no que a xente se autoconvenceu de unha serie de falsidades. Seremos quén de facer entrar nese estado á sociedade? Seremos quen de mobilizar aos pais e nais pola defensa dun sistema público educativo de calidade, pola sanidade pública, polos servizos sociasi, contra as privatizacións?
Espero que así sexa, e que os “eruditos” den coa tecla.
pitaazul 17setembro2009
Eu diríavos que a maioría dos funcionarios están encantados co PP, sabedes o motivo? Pois co PP chégase tarde, sáese cedo e tómanse 10 cafés e o viño e ninguén di nada, porque eles son os primeiros en facer iso. Os malos eran os anteriores que querían que a xente cumprira e traballara, teñen un relax total.
O que si vos direi é que dentro do propio PP teñen moita xente en contra do que están facendo, pero no o din en público porque o poder é o poder, e a hora das eleccións traballan todos como unha piña e non fan como o BNG e o PSOE, que andan sempre uns pelexados cos outros, facéndose a zancadilla e saíndo na prensa.
Por outra banda o BNG co simpático de “Vázquez” que cada vez co oio falar dáme gañas de durmir, mal imos.
caralladas76 17setembro2009
Boas. Primeiro de todo, grazas Carlos polas aclaracións, que non puiden escribir antes. Quedoume ben claro, i espero que efectivamente, podamos ter culebrón cando menos ata as portas das vindeiras eleccións (3 aniños non sería moito pedir, se estimades 5, non?)
En canto ó pesimismo / optimismo do que se fala aquí, eu son fundamentalmente optimista, ainda que con trazas de pesimismo. E me explico:
* optimista porque facíanos falla un governo así. Dígoo moi en serio. Un governo sen medias tintas e, polo tanto, sen “man esquerda” ningunha. Un governo que atizara as conciencias de moita xente, que andaba durmida. Creo que non ando errado se vos digo que hoxe hai moito máis nacionalista (ou galeguista, como lle queiran chamar) concienciado. Falo de xente preocupada pola nosa lingua e a nosa cultura, que pensa que hai que facer algo fronte a estes ataques, non de que haxa máis ou menos votantes nacionalistas, que iso xa é outro cantar. E non me creo o das enquisas esas que varren pro pepé, que queredes que vos diga.
* e con trazas de pesimismo, porque o que está mal mal non é o pepé, senón soe e bng. Non viron chegar a hostia, e agora andan desnortados no chan do cuadrilátero. O soe inda por riba anda cagao pola que se lle ven enriba a Zapatero. E o bng polos cristos internos que xa veremos cómo remata o conto. Máis agardo que nos 3 anos e medio poidan mellorar algo as cousas…
O meu pesimismo non se debe, polo tanto, a que o pepé estea no governo. Máis ben nese sentido coido que atizará conciencias. I eu o primeiro, que despois de todos estes anos decidin que xa era hora de tomar parte, montar o meu blog (e iso que procuro non meterme moito en políticas, prefiro falar en positivo sobre a utilidade do galego no mundo, sobre todo pola emerxencia do Brasil), e posiblemente máis cousas en breve nas que me irei metendo. E non falo só de min, houbo moita xente o 25 en Santiago, máis que haberá en outubro na defensa da lingua, moitos colegas que mo din -algúns nin son nacionalistas nin votan o benegá- que estan escandalizados có españolismo do pepé, organizacións que se crean, asociacións de pais e profesores que poñen o grito no ceo, falta tamén ver cómo se han tomar os perxudicados polo tema eólico, que son moitos e non con menos músculo que “eleuvegés” e “pescanuevos” amigos do pepé, etc etc etc.
Se soe e benegá se deixan de parvadas, son optimista, puxeron as cartas boca arriba, xa non haberá medias tintas. Pero se non o fan, entón si que mal o teremos. De todos xeitos, esto é unha carreira de fondo, señores, paciencia.
Oliver Cromwell 19setembro2009
A análise feita do informe é brillante e reflicte o profundo coñecemento que ten o/a autor/a do tema que ten entre mans. Coido que é contundente dabondo para desmontar a monumental falcatruada que estes tipos/as están a facer arredor deste tema. Porén, dáme a sensación que aquí non remata a cuestión.
Logo da pornográfica aperta que o presidente de Iberdrola lle deu ao seu vasalo Feijoo o día da súa toma de posesión, hoxe temos a ocasión de ver nos medios o indigno presidente da Xunta rodeado polos novos donos de Fenosa en actitude orxiástica-enerxética. Por se había dúbidas, xa lle dixo o Presidente (con maiúsculas) de Fenosa ao presidente (con minúsculas) Albertito: “O canon eólico tanto nos ten, porque non o imos pagar. Cambiando de tema, queremos trincar na no chiringuito eólico que ides montar e, xa de paso, imos incrementar a potencia dos encoros nun 40%. Toma nota, chaval”. Albertito contestou: “o que ti digas, xefe. Grazas por todo. Aquí, un amiguiño dos Peares”.
A Voz, fiel ao seu rigor e sen decepcionar a caverna, recolle a histórica conversa co titular: “El presidente de Fenosa bendice ante Feijoo el canon eólico de la Xunta”.
Un capítulo máis do Impaís!